domingo, 12 de octubre de 2014

PACO NOGUEIRAS E A PROMOCIÓN EN REDES

Unha historia de emprendemento coa que pretendemos ilustrar a nosa reflexión dos contidos sobre os que falamos na sesión do Tema 5: A iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral.


Paco Nogueiras (Compostela, 1970), sempre sentiu paixón pola música e o teatro, e dedicou a maior parte da súa mocidade a isto, sendo membro fundador do grupo de  música folk galego Ophiusa,  traballando como actor e músico en compañías como Os Quinquillans TeatroEls ComediantsVolta e Dalle Teatro,  e compoñendo bandas sonoras para grupos teatrais e programas de televisión, como a serie infantil Planeta Fantasía emitida pola TVG.


O seu entorno familiar e social vía con bos ollos esta actividade e entendía que quixese divertirse durante os anos de mocidade, pero, a punto de cumprir os 30 anos, chegara o momento de sentar cabeza. “A onde cres que vas chegar con esas gaitas?”, tivo que oír máis dunha vez.

Así que cando conseguiu entrar a traballar de dependente na tenda que a cadea Gong Discos tiña en Compostela, sentiuse moi compracido. “Por fin un soldo fixo todos os meses!” Durante os trece anos nos que traballou alí, nunca chegou a desvincularse totalmente da música e do teatro, pero isto quedou nun apartado segundo plano, moi por detrás do “traballo de verdade”... e do crédito para o coche, e da hipoteca para a casa, e da muller e dos dous fillos...



Esta “zona de confort” na que Paco Nogueiras estaba acomodado desequilibrouse en febreiro de 2012, cando Gong pechou as súas portas. Ao mesmo tempo Ophiusa, o grupo folk no que de vez en cando seguía tocando, deixa de ter actividade. Ao pensar nesa época Paco lembra que a crise intentaba convencelo de que a culpa era súa, de que sentía que el era o que non servía.  Fala de “desorientación” e de certa intoxicación á hora de buscar saídas para un tipo de 41 anos que acababa de caer no paro e que percibía que o gran perigo estaba no sofá.  Comezou o periplo por cursos, obradoiros, charlas informativas: “encuentra trabajo en el sector del comercio”, “encuentra trabajo en el sector de la cultura”, “aprende a montar tu propia empresa en tres días”, “ayudas al emprendimiento”... E, polo medio, un caos de proxectos que el mesmo se enunciaba pero que nunca chegaba a desenvolver: montar a súa propia tenda de discos, abrir un comercio de material relacionado coa música, dedicarse á venda de artesanía...Paco decidiu romper con esta confusión e darse un tempo para a reflexión. 



Colleu o hábito de facer deporte todos os días e de cultivar a horta familiar. Con isto empezou a coidar o que máis precisaba nese momento, a súa saúde física e mental; respirar, osixenarse, sentirse útil, estar en contacto coa natureza, aprender dos ciclos vitais, valorar o pequeno e cotiá... E un bo día tomou a gran decisión de que tiña que facer o que realmente lle gustaba facer: dedicarse á música e ao teatro.



Aínda lle quedaba máis dun ano de prestación por desemprego así que non había que precipitarse, chegara o tempo de darse unha oportunidade. Volveu compoñer música e gravou o seu primeiro videoclip co que tiña a man: a cámara de vídeo caseira, a súa muller, os seus fillos e moita imaxinación. Así naceu “No Samaín”. Cando lla ensinou aos seus amigos, na súa grande maioría mestres, quedaron entusiasmados e pedíronlle poder usala nas celebracións de finais de novembro das súas respectivas escolas. Coa fin de facilitarlles o acceso, subiu o videoclip a youtube. A cousa funcionou e, reunidos outra vez os mestres amigos, elaboraron un calendario de celebracións escolares que se traballan en todas as escolas. Paco propúxose gravar un novo videoclip para cada unha delas. O “Rap do magosto” obtivo un resultado similar ao anterior, pero o grande éxito que creou un punto de inflexión foi “O Apalpador”. Esta vez Paco Nogueiras non se limitou, como nas dúas ocasións anteriores, a subir o vídeo a youtube en aberto, e enviar e-mails a amigos e coñecidos, senón que, atendendo as recomendacións do “comité de expertos”, envioulle un correo electrónico á Coordinadora do Ensino Galego, figura que asesora aos mestres e mestras de todo o territorio galego e que indubidablemente inflúe sobre eles. Aos dous días “O Apalpador” recibira 1700 visitas, bailábase na maioría dos festivais de Nadal dos colexios e circulaba veloz por facebook e twitter. Paco comeza a usar estes canles para fomentar a retroalimentación e entra en contacto directo e constante co profesorado e alumnado de máis de 800 colexios.


Para facilitarlles o acceso ás súas cancións, pensou en abrir un Myspace, pero finalmente creou un blog no que foi colgando a súa coletánea; todos os vídeos ordenados cronoloxicamente, coa súa temática resumida no título, con cómodos enlaces... Isto serviulle para crear público, crear fidelidade, crear demanda, crear nos “clientes” a necesidade de máis “produto”. 







O obxectivo laboral de Paco Nogueiras neste momento era que os coles galegos o chamasen para dar concertos nos seus centros ou espazos próximos. Parecía que todo iría moi de vagar, ata que un día soou o teléfono e do outro lado estaba unha das editoriais galegas de máis prestixio; Kalandraka.


A chamada transmitiu o que sentiu a súa directora cando un amigo lle ensinou os videoclips de Paco Nogueiras:  “Temos que quedarnos con isto, antes de que o fiche outro”.
Kalandraka chamou despois do Entroido de 2013, cando estaban difundidos 6 vídeos e durante meses seguiron os contactos coa editorial, pero, sobre todo, seguiu o feedback do autor co público, alimentando nel a súa ansia por “consumir” máis “Produtos Nogueiras”. Kalandraka eloxiou todo o que había de innovación: proxecto audiovisual compacto, integrado por vídeos independentes con temática útil para o calendario escolar. Fascinoulles a seu carácter desenfadado e a súa contextualización na cultura galega, e propuxeron que había que perfilar o personaxe “Paco Nogueiras”: un adulto co que facilmente se identifican os nenos, afable, simpático,  despistado,  disparatado, imaxinativo, ao que lle pasan cousas graciosas provocadas polas súas torpezas. Todo isto envolto pola música, unha linguaxe universal que chega por igual ao público adulto e ao infantil. As suxestións de Kalandraka deron resposta a moitas preguntas que Paco tiña sen resolver e fixéronlle asumir de xeito consciente elementos definidores do produto sobre os que el aínda non reflexionara. Eles recomendáronlle que non fixese banda, porque a singularidade do proxecto susténtase nun único personaxe forte e protagonista. Introducir máis músicos iría á contra da esencia do proxecto.

En maio de 2014, en vésperas do día das Letras Galega,  o disco-libro-dvd Brinca Vai!




Chegou aos andeis de todas as librarías galegas, porque estas o mercaban con facilidade, conscientes de que os seus clientes estaban agardando por el. Doce temas en audio e dez videoclips gravados xa con medios profesionais, aínda que coa pretensión de que non perdesen a frescura inicial. Uns días antes, os vídeos caseiros gravados por Paco, foron substituídos na rede por unha comunicación na que o propio autor explicaba o salto comercial do proxecto, algo que todo o mundo entendeu.





Como están as cousas a día de hoxe? Desde Maio de 2014, Brinca Vai encabeza a lista dos libro-discos galegos máis vendidos, de feito está a punto de saír a segunda edición. Paco Nogueiras non para de viaxar por todo o país dando concertos que se enchen de nenas e nenos que corean as súas cancións, bailan as súas coreografías e xogan a ser Paco Nogueiras coa careta que acompaña ao disco; o chapeu e as gafas azuis que son os seus elementos emblemáticos.





Todo isto provocou que o mundo da escena galega se enterase de que Paco está outra vez activo e a compañía Os Tres Tenedores púxose en contacto con el para incorporalo aos seus espectáculos, á par que Os Quinquilláns,  volve contar con el, 25 anos despois de que o teatro os unise por primeira vez.

Agora mesmo Paco Nogueiras está inmerso nunha actividade frenética pero, como mínimo, reserva unha hora ao día para dedicar ás redes e coidar ao seu público, ao que ama profundamente, entre outras cousas, pola felicidade que lle dá. 






STORIFY DAS SESIÓNS DE EMPRENDEMENTO: 

No hay comentarios:

Publicar un comentario