viernes, 10 de octubre de 2014

MARCO CONCEPTUAL. MÓDULO 1


Polo meu traballo como orientadora laboral nun centro colaborador do SPEG dende o ano 2006, teño que dicir que parte destes contidos do módulo 1 resultáronme coñecidos xa que están presentes e forman parte, en maior ou menor medida, do meu traballo diario.

Como orientadora laboral contratada a través da subvención IOBE da Consellería de Traballo e Benestar, desenvolvo as funcións ás que se fai referencia na orde correspondente, en consonancia co disposto no punto 5.1 do Real decreto 1542/2011 do 31 de outubro, polo que se aproba a Estratexia Española de Emprego 2012/2014, concretamente:

  • Elaboración de diagnoses individualizadas sobre o perfil, as necesidades e as expectativas das persoas demandantes de emprego a través das entrevistas personalizadas.
  •  Información sobre o mercado de traballo e os incentivos e medios dispoñibles para o fomento da contratación e o apoio ás iniciativas emprendedoras.
  • Deseño, elaboración e realización de itinerarios personalizados.
  •  Contacto coas empresas para difundir información sobre as súas iniciativas para facilitar a inserción laboral, realizando, igualmente unha prospección das necesidades das empresas e o casamento entre as ofertas e as demandas de emprego.
  • Información e orientación sobre o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas a través das experiencia laboral mediante a acreditación oficial da súa cualificación a través de  certificados de profesionalidade.
  • Información e asesoramento sobre a oferta de accións de formación profesional para o emprego, con acreditación oficial a través do repertorio de certificados de profesionalidade cando estean vinculadas ao catálogo nacional de cualificacións, así como dos títulos de formación profesional.
Todos estes aspectos que fan referencia ás funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego gardan estreita relación e forman parte dos contidos tratados nesta primeira etapa.
Na orde faise referencia tamén a outro dos aspectos abordados nos contidos do primeiro módulo do curso, o financiamento, que neste caso corre a cargo dos fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa operativo de Galicia 2007-2013 (tema prioritario 66 do eixe 2), cun financiamento do 80% correspondente ao Fondo Social Europeo e do 20% correspondente á Xunta de Galicia.  
Aspecto sen dúbida relevante no que na maioría dos casos non nos paramos a pensar e desenvolvemos o traballo diario sen prestar atención ás fontes de financiamento.

A pesar de que nesta primeira etapa abordáronse contidos principalmente teóricos,  non por iso resultaron menos interesantes nin de menor repercusión no meu traballo como orientadora. Pois aínda que de xeito habitual manexemos unha serie de recursos e ferramentas facilitadoras da dinámica de traballo, si é certo que precisamos cada vez máis dunha importante dose de actualización e innovación dos mesmos, debido aos vertixinosos cambios que está a sufrir o mercado de traballo e ás características e circunstancias das persoas demandantes de emprego que acoden ao servizo de orientación.
O meu lema no traballo é: se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo, o que mantén alerta a miña motivación para  seguir aprendendo e ao mesmo tempo para motivar ás persoas demandantes no seu proceso de busca, innovando no uso de ferramentas e abrindo camiño ás novas vías de acceso e mantemento do emprego. Neste aspecto en concreto é onde este curso está supoñendo unha gran innovación na miña maneira de ver, entender e realizar orientación.

A evolución do mercado de traballo e o incremento do desemprego fan necesaria a posta en marcha de medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a colectivos con dificultades de inserción laboral. É por isto que a orientación laboral debe ser un proceso continuo e ao longo da vida coa finalidade de dotar ás persoas de ferramentas útiles que lles faciliten a toma de decisións e que se convertan en autónomos no seu proceso de inserción laboral.

Xa por último dicir, que ademais de adquirir e/ou actualizar os meus coñecementos sobre os servizos e as políticas activas do SPEG,  as políticas pasivas do SEPE, o mercado laboral,  as cualificacións e formación para o emprego, as políticas sociais e de emprego en Europa, as fontes de financiamento e programas e as diferentes vías para o emprendemento, non podo quedar indiferentes ante o que sen dúbida para min foi un enorme descubrimento nesta primeira etapa do curso: as ferramentas  2.0 que supuxeron un cambio importantísimo no meu enfoque da orientación e no proceso da busca de emprego xa que constitúen un escaparate virtual que facilita a nosa visibilidade na busca de emprego por conta allea e no autoemprego ao tempo que facilita que nos adiantemos ás necesidades das empresas e formemos parte en procesos de selección que teñen lugar máis aló das nosas fronteiras: portais de emprego, videocurriculum, entrevista por video conferencia e mesmo podamos traballar dende a nosa propia casa. A verdadeira busca 2.0 de emprego, axústase ao que no seu día dixo Quevedo: “si quieres que los demás te sigan, solo tienes que ponerte delante de ellos”. Non se trata polo tanto de atopar emprego, senón de que o traballo che atope a ti.

Como conclusión dicir que toda a información facilitada e todo o aprendido ata o momento resulta de gran utilidade tanto á hora de desenvolver o meu traballo como a nivel persoal. Seguro que aínda queda moito por aprender!.



No hay comentarios:

Publicar un comentario