miércoles, 26 de noviembre de 2014

A INNOVACIÓN NO EMPRENDEMENTO. A COOPERACIÓN.

Reflexión do grupo Obxectivo Emprego sobre as mesas de Coworking e Networking


   Tras case tres meses de traballo e aprendizaxe no Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, na última parte da sesión do vinte de novembro tivemos a oportunidade de asistir a unha mesa sobre coworking-networking e emprendemento na que profesionais galegos compartiron con nós a súa experiencia nestes ámbitos.



   A tarde académica foi avanzando desde o máis abstracto ata o concreto, primeiro a mesa institucional, despois a de asociacións e por fin a dos verdadeiros protagonistas, aqueles que dan sentido a todo canto facemos, persoas físicas vinculadas a negocios en funcionamento. Foi unha sesión moi interesante porque nos achegou aos que xa conseguiron emprender, e de cuxa experiencia podemos tirar conclusións para asesorar aos noso usuarios.  Imos facer unha pequena reflexión sobre eles a partir do comentado na mesa e do que se observa nas súas páxinas web.


   Se quixésemos establecer un fío condutor entre as actividades dos participantes, este podería ser a súa maneira de entender e dedicarse á relación entre profesionais, de feito, das catro intervencións, tres estiveron dedicadas especificamente a isto. 

   A primeira das empresas participantes foi a Cooperativa de Traballo asociado Dálle Q Dálle, con sede social e ubicación física nun edificio céntrico e emblemático de Vilagarcía de Arousa, onde crearon un local de coworking que elas mesmas definen coma «un espazo onde se interacciona e traballan persoas a través das sinerxias».  


   A empresa está formada por tres socias cooperativistas con distintos perfiles que se uniron a partir da súa participación nun obradoiro de emprego. Na súa páxina descubrimos unha oferta con moitas vantaxes para calquera profesional da zona. Un usuario das súas instalacións pode beneficiarse dunhas tarifas moi económicas con respecto á posibilidade de alugar unhas oficinas de uso exclusivo. Esta pode ser a razón de partida pola que unha persoa con gana de emprender decida usar os seus servizos, pero tal vez o máis valioso estea nas sinerxias que esta decisión pode provocar e a gran cantidade de proxectos colaborativos que poden xurdir. Tal e como as representantes de Dálle Q Dálle indicaron na súa intervención, grazas a internet é posible para moitos emprendedores desenvolver a súa actividade desde a casa, pero isto provoca un isolacionismo que non sempre beneficia nin ao profesional nin ao labor que desempeña.

   Por outra banda, Sandra Negreira, licenciada en empresariais, antiga traballadora dunha compañía de seguros e alumna da primeira edición deste curso que estamos desenvolvendo, contounos que foi precisamente nun evento de coworking onde atopou a Jorge Fente, o seu compañeiro na aventura empresarial que chamaron Factoría Colaborando e que se dedica a fomentar o traballo en equipo e a dinamizar proxectos, comunidades e mancomunidades. 


   Aínda que a súa web di que a entidade está formada por catro profesionais, supoñemos que a información non está actualizada, Sandra comentounos que estaban buscando un terceiro colaborador para converter a empresa nunha cooperativa. A carta de servizos que publican na súa páxina ten dous nomes propios: Arrinca e Colaborando. O primeiro define un proxecto colaborativo que organiza eventos nos que participantes con distintos perfiles profesionais se reúnen para axudar a emprendedores a levar a cabo a súa idea de negocio. O segundo céntrase na exploración de iniciativas emprendedoras e nas súas posibilidades específicas de colaboración empresarial. Estes dous produtos van acompañados de ofertas de impartición de obradoiros formativos e outros servizos de consultora e acompañamento a empresas.



   Camilo Ameijeiras Sánchez definiu as Lacon Network que veu presentar coma unhas «concentracións espontáneas de emprendedores relacionados coas novas tecnoloxías e internet», e dixo que se explican polo que non son: non son un club pechado, non son unha organización e non son elitistas. 

   Desde xaneiro de 2010, o último venres de cada mes, as Lacon Network reúnen en distintos puntos do territorio galego a emprendedores Tic para que coman e falen. A convocatoria faise de xeito informal e a través das redes. Calquera pode  acudir ou incluso organizar unha Lacon na súa zona; por certo, a deste venres 28 de novembro será en A Estrada. Cada asistente paga a súa parte e non se come sentado, para facilitar a mobilidade e fluidez de relacións entre os asistentes. 

   Este evento reúne o tecido Tic de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable.  No seu segundo mes de vida celebróuse unha sesión con sete proxectos, e no terceiro outra con catorce. A de xaneiro de 2011  xa agrupou a máis de 100 emprendedores e contou coa presenza de proxectos consolidados na comunidade así como de autoridades e representantes de organismos públicos. 

   A simpatía, franqueza e naturalidade de Camilo cativounos e mantívonos pegados ao seu ameno discurso e mesmo chegou a emocionarnos cando nos confesou que ata que comezou coas Lacon se sentía bastante só e que grazas a elas puido atoparse con xente cos mesmos problemas e volver a crer nas institucións e no asociacionismo.


  A outra poñente foi Esther Ferreiro, artesá xoieira de Santa Comba que traballa fundamentalmente a prata e o vidro. Tras fracasar como opositora á administración pública, Esther ingresou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago e desde aí comezou a aproveitar as oportunidades que foi atopando: deu visibilidade aos seus traballos académicos e foi captada por unha tenda compostelá que lle vendeu todo o que produciu mentres estudaba, comprou un taller de segunda man dunha empresa que pechou, asistiu ás aulas dunha escola de vidro que había daquela na cidade, foise ao Centro Nacional de Vidro de Segovia a aprender a facer contas, fíxose autónoma co asesoramento do Técnico Local de Emprego do Concello de Santa Comba, enterouse de que o Castelo de Vimianzo ía albergar unha mostra permanente de artesanía da comarca e presentou unha solicitude de participación. Desde aquela traballa e vende a diario neste emblemático edificio que xestiona a Deputación de A Coruña.


   A presenza de Esther Ferreiro, que en principio se afastaba das dos outros participantes, levounos finalmente ao mesmo coworking e networking das outras intervencións. Porque Esther traballa realmente nun grande e pétreo espazo coworking, que é ese Castelo de Vimianzo que lle permite relacionarse a diario con traballadoras do liño, ceramistas, maquetistas, palilleiras, cesteiros... Como se trata de oficios tradicionais e dun edificio histórico e con carácter museístico, non se anuncia como “espazo coworking”, e cando o traballador da madeira lle fai a Esther un tocado para o pelo con forma de gamela para que o luza na Feira Mariñeira de Muxía non dirán que a idea xurdiu dunha sinerxia ou da actividade de networking. Pero a idea é a mesma, e o que demostra a eficacia e rendibilidade de todos estes conceptos de relación laboral é que se utilizan e están testados desde o inicio mesmo da actividade produtiva.

   Imos remontarnos ao máis antigo; a Prehistoria



   É frecuente a interpretación de que moitas marcas dos nosos petróglifos eran un medio de comunicación e servían para advertir sobre lugares de caza e pesca. Non é isto colaboración laboral?



   E que dicir dos profesionais agrupados por gremios na Idade Media? Pois que enchían cos seus espazos coworking temático rúas enteiras que aínda hoxe conservan no nome unha homenaxe ás súas sinerxias e cooperacións: Platerías, Azabachería, Calderería, Ferrería ...


   Concluímos pois. O máis innovador? Cooperar, coma sempre.



No hay comentarios:

Publicar un comentario