miércoles, 5 de noviembre de 2014

FORMAMOS ACTORES OU DEMANDANTES DE EMPREGO? Reflexión de Tero Rodríguez sobre o marco persoal.

           Teño que dicir que o contido dos temas 6, 7 e 8 do módulo dous son a razón pola que eu cheguei ao mundo da orientación laboral, ao darme conta do útil que podía ser a miña formación e experiencia teatral para axudar a mellorar a empregabilidade das persoas a través do coidado da imaxe que proxectan.

             As áreas que podo abordar son moi amplas, e a motivación e a autoestima son sempre pasos previos ás ferramentas específicas, pero neste artigo voume centrar na miña visión sobre as pautas que nos cursos de orientación e formación se soen dar aos demandantes de emprego para que se enfronten ás entrevistas de selección de persoal.

             Un apartado común en todos estes cursos é o da linguaxe corporal, abrumando ao alumnado con instrucións concretas e moi precisas sobre a posición do seu corpo, sobre o deseño dos seus xestos e as calidades da súa voz.... Normalmente as directrices son formais e, na miña opinión, o único que conseguen é encher á persoa candidata de inseguridades, medos e incluso, moi frecuentemente, falsas afirmacións que parten de premisas absolutas que non teñen en conta os contextos.



             A profesión por excelencia na que unha persoa se adestra para coñecer e controlar a linguaxe corporal é a de actor ou actriz, que á súa vez é unha das profesións que precisan máis dedicación constante e diaria ao longo de toda a vida do artista. Indubidablemente hai unhas calidades innatas, que fan que unhas persoas teñan máis facilidade para o mundo da escena ca outras, pero todos os actores e actrices precisan cultivar, educar e corrixir o seu talento. Cando os vemos facendo un bo papel nun escenario, levan detrás anos de formación na profesión da representación e meses de ensaio específico para ese feito teatral concreto, cunha dirección de escena que, cunha experta ollada externa, lles serve de espello. 

        Na miña experiencia neste campo observo diariamente como cambia absolutamente unha mensaxe mínima que emite un personaxe só por introducir unha minúscula variación nalgún dos campos que a integran: un silencio, un cambio no ángulo da mirada, uns graos de inclinación corporal, unha tensión nun dedo, un ton máis grave...  e o meu traballo consiste, entre outras cousas, en axudar á actriz ou actor a non emitir mensaxes contraditorias entre linguaxe textual e non textual, para que o público asuma o mundo de ficción que creamos para el. Xa digo, isto leva toda unha vida de formación e meses de ensaio dun equipo de profesionais. Aínda así, todas as funcións son distintas porque o contexto de representación de cada unha delas incide poderosamente no proceso de comunicación que se está dando. 


             Cando a un demandante de emprego que se ve a si mesmo coma un “inútil-pringao ao borde do ataque de nervos” o atragoamos con indicacións formais destinadas a que interprete o papel de “candidato ideal e tranquilo”, o único que conseguimos é que vaia a unha entrevista descentrado e sen prestar atención ao que de verdade ten que atender nese momento; ao que ten enfronte. Nunha entrevista o demandante non pode estar pendente de si mesmo, ten que estar pendente do entrevistador.  

             Non podo, a través dun artigo nun blog, xustificar a miña metodoloxía, pero agardo polo menos, sementar a dúbida entre as miñas compañeiras de curso, con grande responsabilidade neste campo, sobre estes métodos formais que eu considero castradores, destrutivos e nocivos.

             Só un apunte final. No mundo da interpretación profesional manexamos infinidade de teorías, métodos e prácticas de representación (=presentación para os outros). A diferenza entre unhas e outras está basicamente na distancia que gardan con respecto a dous polos básicos: o da interpretación traballada desde dentro do actor e o da interpretación conseguida mediante parámetros formais. As interpretacións que se crean traballando o interior do actor, ao máis puro estilo Stanislavsqui, úsanse no teatro que pretende crear a sensación de realidade; as interpretacións máis formais, como pode ser a Biomecánica de Meyerhold, foxen da idea de que o espectador crea que o que está pasando no escenario é verdade. No seguinte vídeo vemos un exemplo: 



             En vez de dicirlle a unha persoa como ten que “actuar” para non parecer un “inútil-pringao nervioso”, traballemos con el para convertelo no “candidato ideal e tranquilo”.  Isto segundo é moitísimo máis custoso de conseguir, por iso a orientación laboral se move comodamente na outra opción, que pouco aporta e moito destrúe. 

3 comentarios:

  1. Yo también me lo he planteado y por mí. ¡Gracias por tu aportación!

    ResponderEliminar
  2. La orientación laboral se mueve cómodamente en tantas opciones inútiles que el tema que abordas y que comparto, es sólo un error más en una cadena de despropósitos que se muerde la cola.

    ResponderEliminar