miércoles, 19 de noviembre de 2014

A RENDIBILIDADE DAS DINÁMICAS GRUPAIS

Por que cada vez se inician máis procesos de selección con dinámicas grupais? 

Por Tero Rodríguez

   Hai un tempo que están aumentando os procesos de selección nos que se incorporan dinámicas grupais como probas iniciais, non para seleccionar, senón para descartar. O grande desfase entre postos ofertados e persoas candidatas fai que a selección comece por unha criba masiva que conceda ganancia de tempo e diñeiro á empresa.

 Estas dinámicas están estratexicamente deseñadas para visibilizar competencias que a empresa considera claves e imprescindibles nas persoas aspirantes, aquelas que de ningunha maneira poden faltar nun traballador ou traballadora da súa entidade.

   Nalgún curso  que teño impartido para mellorar a empregabilidade de persoas que están no paro, téñenme comentado que en ocasións abandonaron voluntariamente algún proceso de selección por sentir que lles estaban tratando de “tomar o pelo” propoñéndolles dinámicas coma a de xogar ao xogo das cadeiras. Sabemos de que falamos, non? Nove cadeiras dispostas en círculo, dez persoas correndo arredor, e unha música soando que de repente se corta.


   Cando contan este tipo de anécdotas soen ir acompañadas de comentarios do tipo: “estabamos cen candidatos na sala, cando propuxeron isto, trinta xa marchamos indignados”.

   Vaia, se as dinámicas se propoñen para descartar persoal, esta parece excelente. Simplemente con propoñela, en poucos minutos xa se descartan trinta candidatos. Canto tempo aforrado, canto diñeiro ganado!

   Entón comezamos a analizar a proposta e a sacar conclusións sobre cales poden ser os motivos para que unha empresa organice un evento de selección de persoal e o inicie con este xogo de crianzas.

   A primeira conclusión á que temos que chegar é que as empresas se moven por criterios de rendibilidade e produtividade, así que, poñéndonos no lugar delas, reflexionamos sobre os beneficios que todo isto lles pode proporcionar.


   Como a mellor forma de investigar é experimentar, poñémonos mans á obra, que neste caso quere dicir que comezamos a aliñar cadeiras. Un bo número de voluntarios/as e unha cadeira menos.

   Que soe a música!!!!!!


   Despois de moitas risas, e algún que outro tropezón, resúltanos moi rápido e doado identificar unha ducia de competencias que acabamos de descubrir nos compañeiros. 
   Aí van:
1.   gana de traballar: comezamos por aquí. A ninguén lle apetece, de boas a primeiras, verse nesta situación, así que, se o fan é porque de verdade teñen gana de traballar.  
2.   sentido do humor: o grao de diversión de cada quen dános pistas sobre isto.
3.  superación do medo ao ridículo: no propio acto de presentarse voluntarios/as están dando moitas claves.
4.  capacidade para adaptarse a unhas normas propostas e de non cuestionalas aínda a pesar de non entender moi ben a súa razón de ser.
5.       implicación: obsérvase moi claramente quen fai a dinámica por facer e quen vai a por todas.
6.  axilidade física: tal vez a máis evidente sen necesidade de reflexión algunha.  
7.  habilidade para xerar estratexias: desde fóra vense moi ben as tácticas dos participantes, algunhas tan eficaces que mesmo lles compensa a falta de axilidade física.
8.  coordinación corporal e ocular: “onde vexo o sitio libre, consigo poñer o corpo” Outros chamaríano “ter reflexos”.
9.  capacidade de reacción inmediata: en segundos as circunstancias que rodean a cada participante varían, e as reaccións teñen que cambiar tamén.
10. concentración: neste xogo, coma en case todos, quen perde a concentración perde a ocasión.
11. competitividade: o carácter competitivo diferenza aos participantes dun xeito moi evidente.
12.  honestidade: se non se sucumbe á tentación de facer trampas, claro.  
13. reacción ante o fracaso: salvo na persoa gañadora, no resto dos candidatos observamos as súas actitudes ante isto.

   Ups! Dixemos unha ducia e xa van trece.
  
   Por último preguntamos aos participantes como se senten despois de ter feito a proba, e resulta que descubrimos que é unha técnica estupenda para a relaxación e a desinhibición.

   Vaia! Xa nos saíron quince.


   Ímolo deixar aquí.   

   Tal vez vos estaredes preguntando se no proceso real de selección, entre os trinta que marcharon ao principio non habería algunha persoa que é un/ha excelente profesional e que a empresa perde a oportunidade de captar por facer esta proposta inicial tan “estrafalaria” . Pode ser, pero seguramente ten tantos candidatos/as que lle compensa asumir ese risco.  Ademais do moito que para eles significa que alguén non acceda a someterse á proba.

   Eu non son ninguén para dicir ao alumnado o que ten que facer, nin moito menos para xulgar onde poñer o límite á sensación de que se está atacando a súa dignidade; simplemente propoño a reflexión. En calquera caso, as risas xa non nolas quita ninguén.

   E por último, aínda que tampouco son ninguén para dicirlle ao mundo empresarial o que ten que facer, non podo resistirme a rogarlles un pouco de sensibilidade, tacto e respecto polo material que manexan, que son persoas moi feridas e castigadas por esta estafa social e económica que algúns chaman crise. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario