jueves, 6 de noviembre de 2014

A CURACIÓN DE CONTIDOS, por Tero Rodríguez

   A INTRIGA COMO ESTRATEXIA

             Hai unhas semanas, no transcurso deste CEOL 2014, cando eu comezaba a percibir os danos provocados por unha incipiente «infoxicación», intoxicación por exceso de información, chegou a min o concepto de «curación de contidos» e o nome de ferramentas como  Feedly  ou Scoop.it  que alguén inventou para que filtren a información que se publica sobre temas que me interesan. Que a xustiza poética, o deus dos ateos, dea infinita felicidade a quen tanto ben me fai!


               
         A curación de contidos é unha práctica intimamente ligada coa identidade profesional ou reputación dixital —resístome a usar o termo  «marca» aplicado a persoas, que lle vou facer, son unha sentimental— e polo tanto axuda a dar visibilidade e posicionarse no campo laboral.
               
            Pero, que é realmente a curación de contidos? Consiste en xerar información sobre un tema concreto a partir dunha secuencia previa de accións que inclúe os seguintes pasos:
1.      Busca de información publicada
2.      Filtro dos contidos máis interesantes
3.      Análise e valoración persoal
4.      Elaboración dun contido novo
5.      Difusión en redes

           Todos e cada un destes pasos é imprescindible, pero tal vez o que dá verdadeira visibilidade á persoa curadora é o terceiro apartado, porque cómpre lembrar que quen cura contidos é unha persoa, non unha ferramenta capaz de automatizar publicacións. O realmente difícil é facer unha análise persoal, enriquecedora, que sume valor á información atopada, que ofreza un enfoque novo, que arrisque con propostas que cuestionen o que os demais aceptan, que investigue nas reflexións, que xere debate e, sobre todo que provoque intriga e expectativas ante novas publicacións.
              Que é a intriga?
               Tomamos da  Rag  a acepción de «Gran curiosidade por coñecer o desenlace ou o resultado de algo» e do dicionario Porto Editora a de «História ou aventura secreta».


               Índonos ao mundo da literatura, fixámonos en que a intriga é o motor do conto, o que o fai avanzar, o que consegue que quen escoita manteña a atención sobre o argumento e non queira deixar de escoitar ata o final.

             Lembramos que a intriga foi o que salvou a vida a Sherezade, librándoa de morrer decapitada por orde do sultán Shahriar, que non podía renunciar a coñecer como seguían as súas historias.

               Conto todo chegamos a que unha persoa que busque unha visibilidade profesional nas redes precisa ser unha «Sherezade dos contidos», que a través do que conta e de como o conta, consiga sultáns seguidores que lle garden fidelidade non polo que lles contou, se non polo que agardan que aínda lles conte.

               A clave está na intriga! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario